Vou á axenda e vexo que efectivamente teño cita. Hai 8 anos que comecei a ir ao psicólogo e aínda me resulta raro. Deberiamos normalizar estas cousas. Non ten porque arder Troia cada vez que alguén sabe que vas “alí”. En fin, eu dígoche que con isto do coronavirus se van facer de ouro. E os avogados, nin che digo. Coa de divorcios que vai haber dentro duns meses! Non van dar feito…
Marco áxil o número de Berta, non o teño gravado no teléfono pero seino de memoria. Unha consulta semanal durante 8 anos, sen fallar un día. Non hai duración determinada. Sempre seguimos o mesmo protocolo.
-Como estás, Sabela?
-Mmm, tirando.
-Tenta definir, tirando…
-Pois nin ben nin mal.
-Iso xa o supuña.
-Berta, lembras o que me dixeches a primeira vez que nos vimos?
-Falamos de moitas cousas, foi unha sesión intensa...
-Si, si. Refírome ao que me explicaches de que as emocións son como un balón inchable que está metido na auga.
-Ai si, claro.
-Que canta máis presión facemos para mantelo oculto, peor.
-Si
-E que o que temos que facer é ir soltando aire pouco a pouco, para que non saia disparado.
-Entendíchelo perfectamente.
-Pois hoxe sinto que teño que botar un pouco de aire fóra.
-Moi ben, por onde queres comezar?
-Polo principio.
-E cal é para ti o principio, Sabela?
-Pois cando tiña 10 anos. Supoño que aí todo era perfecto, o pouco que podo lembrar. Pero foi pasando o tempo e fun sendo cada vez máis consciente da realidade. Souben que aquilo que a min me parecía perfecto, non era tal, que había máis problemas dos que eu cría.
-Todo o mundo ten problemas, pero hai que saber xestionalos.
-Xa,xa. Pero o peor foi cando volvín. Sabes esa sensación de que todo está baixo control e de repente abres os ollos e ves todo tirado polo chan e as cortinas ardendo?
-Mmm
-Pois así me sentín. E non sabía por onde comezar. O meu mundo viuse abaixo. Era surrealista, incluso máis que este maldito confinamento.
-E por que lembraches iso hoxe?
-Pois non sei, supoño que porque teño demasiado tempo libre e porque a ferida aínda non curou totalmente.
-Porque intentas pechala unha e outra vez, pero primeiro tes que abrila e desinfectala.
-Coido que foi suficiente por hoxe Berta. Deixámolo aquí.
-Lembra que estás nun espazo seguro, ninguén te está xulgando. Podes continuar contándome, por exemplo, que cousas notaches que cambiaran ao teu regreso.
-Descoida. Xa falamos para a semana.
-Sabela, pasaron 8 anos e sempre paras no mesmo punto. Imos facendo progresos pero tes que seguir adiante. Estalo a facer moi ben. Non te pares nese punto, colle folgos e fala, sen medo.
-Deica a semana, adeus.
Colguei o teléfono sen darlle tempo a responder. Pobre muller, o que tiña que aturar. Supoño que xa ía incluído na pasta que me cobraba cada mes. Pero era boa, era caralluda. Aínda que eu non falara, xa narrara a historia moitas veces mentalmente na miña cabeza. Tiña o guión máis que ensaiado, pero cando quería botalo fóra, non había maneira. Atragoábanseme as palabras na gorxa, revolvíaseme o estómago e estoupábame a cabeza. Entón tiña que respirar un par de veces ata que todo volvía á normalidade.
Comments