Ola, chámome Néstor e teño 33 anos, non teño parella formal e moito menos fillos. Teño un can, iso si, un peludiño ao que lle teño moito cariño xa que é o meu compañeiro de piso. Chámase Sultán e é un cocker. O nome púxollo miña nai, que sinte predilección por grandes gobernadores doutros tempos e cantantes latinos. Non estou de broma, na nosa casa chegaron a vivir Chayanne, Elvis e Dylan. Todos xuntiños. Sendo así deberiamos estar forrados pero non, quedamos unicamente cos nomes.
Volvendo ao tema, Sultán é o meu compañeiro de piso dende que me mudei a Compostela, porque a min iso de botar toda a vida na casa dos pais, como que non me vai. Non pensedes que me acabo de independizar aos meus 33 anos. Levo 8 vivindo fóra. Non está mal, tendo en conta a crise que nos veu enriba no 2008.
Pois iso, que volvín aquí porque é a cidade na que nacín e un adoita ser fiel ás súas raíces. Vivín en Santiago ata os 6 anos, despois mudeime cos meus pais a outra casa nunha aldea, non moi lonxe de aquí. Pasaron os anos e en canto puiden volvín. Agora mesmo non teño traballo, pero non porque non queira, senón porque o coronavirus me deixou sen el. A estas alturas da película xa non fará falla que vos explique que é ese mal becho…
Resulta que me dedico ao audiovisual, son guionista de series, películas e todo bo proxecto que se terce. Hai 3 semanas estaba metido de cheo nun, pero tivemos que pospoñelo. Así que dedícome a sacar a pasear a Sultán e pouco máis.
Boto moito de menos a Sabela. Aínda que non sexa a miña moza sempre tivemos algo medio oculto que non chegou a materializarse. Coñecina na universidade, a pesar de que estudamos carreiras distintas. Ela fixo Filoloxía Galega e eu Comunicación Audiovisual. Agora dá clases de galego nun instituto. Non digo que lle fora mellor ca min, pero polo menos ten un traballo “estable”.
O caso, que fai polo menos tres semanas que non nos vemos, e aínda que facemos videochamadas e todo iso, non é o mesmo. Boto de menos os seus abrazos. Sabela é moi amiga de dar abrazos… E bicos xa nin che conto! Ás veces é un pouco pesada pero a saber o que pensa ela de min, que eu tamén teño as miñas manías.
Moitas veces, cando me vén visitar, ou viña, traía con ela a Aroa, a súa mellor amiga. E aínda que non a poida ver diante fago de tripas corazón, porque así podo estar con Sabela.
Sei o que estás pensando, que para ter 33 anos non son moi maduro. Pois si que o son, prométocho, o que pasa é que durante un tempo tiven que vivir moi rápido. Polo demais, son unha persoa normal. Tan normal que non teño nin ideas. Levo unha semana sen poder escribir. Estou seco.
Vou ao sofá e chamo por Sultán. A pesar de que está entretido xogando coas tartarugas vén ao momento. Acaríñolle o lombo e vou subindo cara a cabeza. Ráscolle detrás das orellas e queda medio durmido. Non precisa máis para ser feliz.
Comments