top of page
Buscar
Foto del escritorLaura S. Vigo

Capítulo 2



Collo o teléfono e busco nas últimas chamadas. Pulso sobre o nome de Aroa, un ton, dous, tres… Queres coller o teléfono que é importante? Catro…


-Que queres Sabela?


-Eu tamén te botaba de menos.


-A ver, déixate de lerias, que foi?


-Que vai ser? O papán de Néstor que me escribe a todas horas lamentándose: di que non ten traballo, que non sabe que facer coa súa vida, que estudou a carreira equivocada… Parvadas, o que lle pasa é que non está acostumado a pasar tanto tempo pechado e vénselle o mundo enriba. Non cres?


-Non sei. Xa sabes, eu limítome a escoitar e calar.


-A ver, Aroa. Non te poñas nese plan, que se te chamo é para que me botes unha man con tanto drama.


-Pois eu penso que a ti tamén che está afectando un pouquiño este confinamento…


-Para nada. Só preciso dunha boa amiga coa que desafogar.


-Pero exactamente, cal é o problema?


-Pois o que che dixen, que me escribe todos os días como alma en pena e xa bastante amargada estou eu como para ter que aturar as súas lerias.


-Touché


-Non te poñas agora en plan chula, lembrándonos que estiveches un ano de Erasmus en Francia.


-Ni ti piñis iguiri in plin chili


-Queres parar?


-Que si, xa paro. É que non me parece tan grave, estades facendo os dous un drama de todo isto. Coñézote, e sei que a ti tamén che está afectando non ir traballar. Sempre te queixas de que eses rapaces son uns demos pero no fondo bótalos de menos.


-Si, ho. O que me faltaba.


-Que si, Sabela. É a túa paixón, aínda que te queixes sempre e eu teña que escoitarte. Pero o caso, ten paciencia con Néstor e intenta entreterte un pouco.


-E que queres que faga?


-Pois non sei, vai pasear o can.


-Sabes perfectamente que non teño can.


-Pois ofrécete a sacar a Sultán.


-Mira que es…


-Pero quéresme.


-Si, por pesada. Veña, xa non te molesto máis. Pero débesme unha quedada virtual.


-Ti estás segura diso? Mira que a da semana pasada foi unha auténtica merda.


-Porque non fixeches como Xiana...


-Ai si, a que ía beber dúas copas de viño.


-A min díxome que nunca máis vai beber viño, que de agora en adiante, cervexa.


-Déixote que teño que ir traballar.


-Ti es das afortunadas!


-Oi si, se traballar nunha xestoría che parece ser afortunada…


-Non te queixes tanto. Bicos!


-Bicos.


Colgo o teléfono e lembro que teño un asunto pendente. Ata iso se ten que facer “por teléfono”.


157 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comentários


bottom of page