top of page
Buscar
Foto del escritorLaura S. Vigo

Capítulo 4



A vibración do teléfono afastoume dos meus pensamentos. Tiña 86 mensaxes novas. Se é que despois disto íasenos esquecer como se falaba. Era Néstor, outra vez…


Ai Sabeliña, desta perdo a paciencia toda. Non escribín nada, NA-DA. Levo unha hora no sofá acariñando a Sultán e pensando en que son un fracasado. Teño 33 anos e estou sen traballo. Agora mesmo dispoño de todo o tempo do mundo, tería que estar escribindo guións como churros e non me sae nada, nadiña. Isto é moi frustrante.

Contesteille, que outra cousa podía facer?


Xa che teño un nome alcume. Es Drama Queen. Só levas 3 semanas na casa, tampouco é para tanto. E si, tes 33 anos, e eu 30, así que compadécete de min, que hai menos tempo que entrei na crise da trintena. Ti xa levas 3 anos de vantaxe.


Escribindo… Escribindo… Escribindo…


Oíches, Néstor? Diante do papel quedarás en branco pero ao dediño ben que lle dás. Así que apura, que non teño todo o día.


Ai, non me sexas agonías. Es a miña mellor amiga e suponse que tes que aguantar todos os meus dramas. Que podo facer para inspirarme? Como fas ti para superar o feito de que non poidas ir ao colexio?


Estás sendo de moita axuda, si. Déixate de contos e aproveita para facer exercicio, ler un pouco, ou aprende a facer calceta.


Iso non me axuda. Non atopo as miñas musas. Non queren saber nada de min… Isto vai ser a apocalipse, de verdade.


Vou beber unha cervexa que xa me doe a cabeza de aturarte. Falamos despois.


Non o dirás en serio, vasme deixar así?


E tanto que te vou deixar.


Bloqueei o teléfono e deixeino enriba da mesa. Para maior seguridade, vireino cara abaixo. Tiña que desconectar un pouco. Durante os días de confinamento abusabamos moitísimo das pantallas e xa comezaba a ter dores de cabeza. Que podía facer para esquecer a tecnoloxía por un tempo?


Subín ao faiado e comecei a remexer nas caixas. Miña nai sempre se queixaba de que tiña síndrome de Dióxenes pero nunca se atrevía a tirar nada, sabía a que lle viría enriba. Abrín unha que dicía: “2º B”.



158 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


bottom of page