top of page
Buscar
Foto del escritorLaura S. Vigo

Capítulo 5




Aquela caixa contiña un montón de libros e cadernos do colexio. Encantábame gardalos e revisar anos despois os comentarios que os profesores adoitaban deixar nas marxes. Meu deus! Sempre tiven letra de médico. Non sei como non me mandaban facer “copias” como castigo pola miña caligrafía.


Falando de “copias”, lembro unha profesora que tiñamos en primaria que se chamaba Julia. Era moi noviña, tería uns vinteseis ou vintesete anos. E aínda que nós tiñamos once ou doce, ela parecía unha rapaciña máis. Pois a tal Julia odiaba que non fixeramos unha fila de un durante o recreo, xusto antes de entrar de novo á clase. E poñíanos copias.


Pero non as típicas de: “Teño que facer os deberes”, ou “debo facer caso”, non. As dela eran novelas como: “A próxima vez que a miña profesora me diga que teño que facer unha fila de un para entrar de novo na clase farei caso, do contrario pasarei o ano enteiro facendo copias, ata que me entre a mensaxe na cabeza”. Todo iso multiplicado por cincocentos. Agora pénsoo e río. Que cruel era aquela profesora. Pero o seu método non calou en nós. Seguimos facendo filas á nosa maneira e entramos berrando pola clase ata finais de curso. Despois Julia tivo que marchar, e non soubemos nada máis dela. Chegou o verán e con el setembro, e nós xa eramos os de primeiro da ESO.


Pechei un dos cadernos e o chocar das tapas fíxome volver á realidade. Deixeino todo como estaba e baixei de novo ao meu cuarto. Aínda quedaban dúas horas para o directo, pero tiña que prepararme como era debido. Dende que comezara a corentena (que diso non tiña nada máis ca o nome porque xa superaramos os corenta días) decidira facer un directo todos os sábados ás seis da tarde. Moita xente facíao no Facebook pero eu prefería o Instagram. As primeiras veces resultoume complicado pero agora xa lle ía collendo o gusto.


No directo sempre falaba con outra persoa á que eu admiraba. Cabían todas as profesións posibles: profesores, médicos, ‘youtubers’, mesmo adestradores virtuais. Saudabamos aos que nos querían aturar durante alomenos hora e media, e entón eu formulaba a pregunta de rigor: A que lle colliches manía durante a corentena? Era un xeito de compartir as nosas miserias.


A persoa entrevistada contestaba e entón eu convidaba aos demais a que nos enviaran tamén as súas respostas. Era moi divertido, había xente que lle collera odio ao sofá. Outros detestaban o “moreno” que collían despois de estar un bo anaco na ventana. E despois estaban as parellas, unha rapaza escribira que dende que comezara o confinamento sentía unha terrible aversión pola Playstation do seu mozo. Eu non teño parella pero non imaxino o duro que ten que ser convivir dúas persoas nun espazo reducido, as vintecatro horas do día. Xa me chega con ler as mensaxes de Néstor.


Despois desta sórdida reflexión, saudei á imaxe que me miraba dende o espello e pregunteille que lle apetecía poñer hoxe. Non me contestou, claro. Acto seguido abrín o armario e collín un vestido de manga longa cun par de volantes. Abrín o caixón e collín un par de medias negras, e por último rescatei uns botíns da estantería onde almacenaba o calzado. Xa sabía que non se me ían ver os pés, pero tanto me tiña, facíao por min.


Puxen algo de música no Spotify, unha desas listas predeterminadas que pretenden saber o que queres escoitar cando estás alegre/bohemia/soñadora/creativa. Precisaba concentración para a maquillaxe. Sempre me gustou iso de pintar a cara. Apliquei un pouco de base que fun estendendo pouco a pouco cos dedos e despois o corrector. Ben, agora xa se podía dicir que era persoa. Despois fixen unha especie de difuminado con sombra marrón, pero sen marcar demasiado. Tracei unha liña por riba do ollo co eyeliner e despois pintei os beizos de vermello.


Collín o móbil e escribinlle a Xiana:


Amiga, deixaches definitivamente o viño?


Replicoume ao momento.


Non me fales, que aínda me doe a cabeza só de pensalo. Nunca máis oíches. NUNCA MÁIS. Por certo, ti non tiñas directo no Instagram?


Si, xustamente me estaba preparando agora. Pero aínda empeza ás seis.


E con quen o fas hoxe?


Pois cunha rapaza que se fai chamar @Mistonic. Resulta que creou unha personaxe que vende nas redes sociais, emprega perruca e vai súper maquillada. Ao parecer, ninguén sabe como é fisicamente na realidade. Ninguén que non sexa do seu círculo íntimo, quero dicir.


Caralludo! A min tamén me gustaría facer iso de cando en vez, para dicir todo o que penso e quedar ben a gusto.


Penso que xa o podes facer agora. Non creo que esta rapaza adopte outra personalidade porque non se atreva a dicir as cousas en público.


Entón por que se disfraza?


Non se disfraza, simplemente se convirte noutra personaxe. Non sei, a min paréceme moi interesante. É o que che dixen antes, non creo que o faga para sentirse mellor consigo mesma ou porque non teña os ovarios de dicirlle á xente o que pensa se saben que é ela.


A ver, Sabela, tampouco dixen iso. Referíame a que a ninguén lle gustan as críticas e moitas veces as redes sociais fan que nos sintamos vulnerables; é coma se todo o mundo tivera dereito a opinar sobre ti.


A opinión é libre, non cres? Eu coido que unha vez que subes algo e o fas “público” deixa de ser única e exclusivamente teu. Quero dicir, iso non lle dá dereito á xente a faltar ao respecto ou poñer a alguén a caldo, pero si a expresar a súa opinión.


Non estou de acordo.


Entón non subas nada ás redes e santas pascuas!


Tampouco se trata diso. Eu podo subir o que me pete.


Xa, e a xente tamén pode escribir ou dicir sobre iso o que lle naza.


Dígoche que non.


Ah, entón ti que queres, que a xente vexa as túas fotos/vídeos/stories e garde o que pensa?


Si, máis ou menos.


HAHAHAHAHA ti estás fatal da cabeza.


Estás ti peor e máis ninguén che di nada,


Iso tamén é verdade, pero non me importaría. Eu quero que a xente opine…


Vai cagar, anda.


Cagar non, pero déixote que en nada comezo o directo


Bicos, toxo!


Veña, falamos. Cóidate!


Esta conversa dáme que pensar, pero manteño a miña posición. Se non queres que a xente opine sobre os teus contidos, non os subas. A miña avoa dicía algo así como: Canto menos se sabe, menos se escribe. Non sei se era exactamente así, pero a idea era esa.


Xa só quedan uns minutiños, pero teño que asegurarme de que todo sae ben. Repaso unha vez máis o guión, si, non pensedes que é todo improvisado. Sempre hai un esquema previo. Entro no Instagram e saúdo. Despois conéctome con @Mistonic e pregúntolle: A que lle colliches manía durante esta corentena?


167 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


bottom of page