Non está nada mal isto de poder pasear e facer exercicio. Que conste que eu xa saía antes con Sultán. Encántalle ir ao parque e correr detrás das pombas. Non lles fai mal, pero supoño que o que lle gusta é ver como saen voando.
A min tamén me gustaría voar ata chegar á ventá do cuarto de Sabela. Pousarme alí e dedicarme a mirala. Ten unha beleza singular, aínda que ela non o crea. Xa case a podo imaxinar tombada na cama escoitando as nosas cancións de Vetusta. A súa música gústanos aos dous, malia que as letras teñan significados diferentes para nós.
Ela di que teñen algo liberador, que a motivan e lle dan un xute de enerxía. Pero a min lémbranme a Sabela que sorrí nas noites de verán. A Sabela que arrecende a Nenuco. Se ela soubera todo o que transmite sen dicir nada…
Achegaríame aos poucos ata ela, e sen que se dera conta, plantaríalle un bico no nariz. Entón ela iluminaría todo o cuarto co seu sorriso. A miña Sabeliña…
Pero non pode ser porque son parvo. Se ela sabe o que pasou con Aroa non me volve dirixir a palabra na vida. Eu que sei, foi o alcol, ou o desexo de rebelarnos contra o mundo. Eramos uns incomprendidos que deron coa persoa equivocada nun momento moi inoportuno.
Que lle imos facer? Terei que conformarme coa súa amizade. Sempre e cando Aroíña estea calada e saiba gardar o noso segredo. Confío en que si, porque a ela tampouco lle interesa que se saiba. No fondo somos uns desgraciados por permitir que iso pasase e teremos que vivir co sentimento da culpa para o resto das nosas vidas.
Sultán vén correndo onda min. Debeume sentir chegar cando pousei as chaves na entrada. Mírame con cara de incrédulo. Normal, estará pensando: e este papán de onde vén con estas pintas? Non iría correr… Acaríñoo e lámbeme a cara. Así é el, cariñoso, sen medida.
-Tes famiña, non si? Vou ver que teño para ti.
Vou á cociña e collo da despensa unha lata con comida para cans. Sei que debería darlle penso pero un día é un día. Xa bastante ten o pobre con verme vestido de ‘runner’.
-Querías isto, non si?
Aínda non rematei de botarlle a comida no cacharro e o cabrón xa está lambéndome nas mans.
-Tranquilo, Sultán, que non vai marchar de aí. Veña, come amodiño que eu vou facer unhas cousiñas… Non, non é o que ti pensas. Estou inspirado e isto hai que aproveitalo.
Entro no meu ‘cuarto de traballo’. Está todo feito unha merda, pero non é pola corentena, eu xa era así de antes. Encántame vivir na miña desorde porque o que para outros é un desastre para min é perfecto. Sei exactamente onde está todo, mesmo o último guión que imprimín e foi parar ao lixo.
Pero hoxe é diferente. Sento no escritorio e abro o portátil. Aí está, a condenada folla en branco. Deixo caer as mans no teclado e noto como van fluíndo as ideas. Si, iso é, non pares agora. Ai si, e isto tamén. E que me dis daquilo no que estabas pensando cando pasaches por diante do supermercado? Si, podería encaixar. Ben, ben. E se…? Non, mellor non meter a Sabela nisto. Imaxina que o le e me manda á merda?
Paro en seco. Noto como se me encolle o estómago. Respiro un par de veces e tento tranquilizarme. Xa está, polo menos escribín algo, así que ben merezo unha cervexa. Iso, si, ben fría. Vou cara ao sofá con ela na man, sento e suspiro. Sei o que vai pasar e non me gusta. Non debería…
Aroa, por que non fixemos nada por evitalo? Sabes que ela quedou moi fodida e é todo pola nosa culpa.
Escribindo… Escribindo… Escribindo…
Como lle digas algo córtoche os collóns.
Esta tipa é parva.
E que carallo queres que lle diga?
Escribindo… Escribindo…
Avisado quedas. Fixemos un trato, non temos porque levarnos ben, xa cho dixen. Eu non te aturo, nin ti a min. É mellor que siga sendo así.
Comments