Merda, merda. Está chovendo e non podo ir pasear. Creo que me estou volvendo tola. Na vida pensei que ía querer facer isto.
Teño que facer algo. Xa sei, póñome un deses adestramentos virtuais e non se fale máis. Pero algo suaviño que non hai que forzar o corpo. Dende que comezou a corentena non practico actividade física de ningunha índole, desa que estás pensando tampouco. Como para pórme agora a suar como unha tola. Para iso agardo a que se poida ir 'perrear', que é un deporte moito máis “agradecido”.
Deixoume mal a conversa con Néstor. Vaia imbécil! Mira ti o que lle foi acordar agora. Pasou e punto. Imos estar toda a vida lamentándonos? E o de dicirllo a Sabela, iso xa foi a pinga que colmou o vaso. Se perdo a miña mellor amiga pola súa culpa vai saber o que é bo. Pailán! Ás veces pregúntome como puiden estar tan toliña por el.
Claro que Sabela non sabe nada! Porque aínda que diga que non unha e outra vez eu sei que algún día terá algo con Néstor, malia que eu mova ceos e montañas para que iso non ocorra. E a unha amiga hai que respectala. Hai un código non escrito que di que non podes ter nada co tipo que lle gusta. Aínda que ela non o saiba. E eu… en fin, son así e agora xa expirou o prazo de garantía.
A ver, que poño? Para os exercicios da mulleriña esta que te machaca viva, digo. Non poderei facer deporte en pixama? Veña, e con zapatillas tamén, total ninguén me está vendo. Ai, cantos cartiños tirados nas tendas de roupa deportiva!
Hoxe apetéceme algo de 'cardio' que o ioga abúrreme bastante. E da Zumba paso que nacín sen o sentido do ritmo. Xa teño outras cousas para compensalo.
Despois de media hora sinto que me levaron a rastro 2 km (si, iso para min xa é moito) e que despois me deron patadas ata no carné de identidade. Eu non estou feita para isto, en fin, estame ben, por querer poñerme en plan ‘fit’. Por hoxe ben vale. A ver que fai esta.
Xiana, xa te recuperaches?
Sempre está en liña.
Ala veña, outra máis. Non estou afeita a beber, xa volo dixen.
Xa, xa, iso é o que dis ti, pero o que vemos é outra cousa ben distinta.
Pois xa está, non foi a morte de ninguén.
Vaia, vexo que che afectou ao mal humor.
A ver, fálasme para ver se estou ben ou para poñerme ti peor?
Tranquila muller, era unha broma.
Deixa estar. Perdoa que che fale así, pero é que non aguanto máis sen saír. De feito vou ir correr.
Co que chove? Ti estás fatal.
Dáme igual, poño un chuvasqueiro e andando.
Pois eu acabo de facer exercicio na casa.
Ti si, ho.
Que si. Non quitei o pixama pero fixen 30 minutos de 'cardio' no ximnasio virtual.
Pena non poder verte…
Ti o que querías era verme sen pixama…
Aroa, por Deus. Canto levas?
Que pregunta, cantos días levamos de corentena? Fai contas…
O teu récord.
Nin confirmo nin desminto.
E que vas facer cando remate a desescalada? Vas chamar a Óscar?
Xa veremos. Ten que traballalo un pouco máis. Non llo vou dar todo feito.
Agora vas de dura.
Dura non, realista. Este corpo non é para calquera.
Hahaha, es moitiño. Déixote que vou correr.
Veña, pesada. Bicos!
Comments