top of page
Buscar
Foto del escritorLaura S. Vigo

Capítulo 8


Supoño que isto é o que chaman a “nova normalidade”. Pero sénteste igual? Non o creo. Dalgún xeito todo isto fíxonos diferentes. Mentres camiño penso en todo o que mudou. Miro as caras da xente e imaxino o que acontece debaixo das súas máscaras. En calquera caso eu mándolles un sorriso cos ollos.


Saio con forzas renovadas. Non paga a pena preocuparse por nimiedades. Sobre todo, aprendín que hai moitas formas de “estar” e non ten porque ser necesariamente dun xeito físico. O meu compañeiro fiel, Sultán, camiña ao meu lado. Segue emperrado en perseguir as pombas. Deixo que se afaste por un momento e sento nun banco.


-Xa case esquecera o feo que es.


-Grazas, ti tampouco estás nada mal.


Como te botei de menos. Morro por abrazarte, pero iso non cho digo. En lugar diso saudámonos cos cóbados. E eu poño cara de cordeiriño.


-Por que me miras así?


-Ai, Sabela, porque levamos mil anos sen vernos.


-Non te irás poñer sentimental agora, ou que?


-Un pouco si…


-Daquela marcho.


-Mira que es toxo…


-Xa sabes o que hai.


-Non botas de menos as clases?


-Non me fales diso, é un tema tabú.


-Pero volvedes este curso?


-Pois parece ser que non.


-Mellor, este ano tes unhas vacacións máis longas.


-Non intentes consolarme.


-Pois dime, de que che falo?


-Do teu proxecto. Escribiches algo? A ver se coas túas miserias me sinto un pouco mellor.


-Sorprenderíaste…


-Volveron as musas?


-Iso parece, pero xa sabes, non sempre é agradable escribir o que levas dentro.


-Xa tardabas, drama queen.


-Eu?


-Si, ti. Durante o confinamento ‘petáchesme’ o móbil.


-Con alguén tiña que falar.


-E logo Sultán? Deixa, deixa, xa bastante tería que aturar o pobriño.


-Oe…


Teño ganas de bicala. Leva unha máscara de tea con debuxos de Harry Potter. Esta muller…


-Viches unha pantasma?


-Non, estaba… pensando.


-En que?


-No difícil que se me fai non tocarte.


-Que dis, pervertido?


-Refírome a que boto en falta algo. Non sei, un abrazo polo menos.


-Quita, quita, eu estou de marabilla.


-Si, ti sempre fuches antisocial.


-Antisocial non, pero xa sabes que non me gusta que me toquen. Eu estou na gloria.


-Non podes estar falando en serio.


-Que si, é máis, vouche contar unha cousa que me pasou. Despois do confinamento fun un día pola mercería dunha amiga da miña nai.


-Que é unha mercería?


-Deixa de facer o parvo. O caso, que fun por alí comprar unhas cousas e a muller, veña a tocarme no brazo mentres me contaba cousas de cando eran “mociñas” e “aínda estaban de bo ver”, isto dicíamo ela. E eu xa estaba virando de mil cores.


-Créocho ben. Non che deu unha reacción ou algo?


-A ver, céntrate. O que che dicía, a mulleriña veña a tocarme no brazo, e o de gardar a distancia de seguridade xa…


-Non sei a onde queres ir parar?


-Non te sentes raro cando che tocan?


-Pero a ti iso xa che pasaba antes.


-Pero agora é peor. Como van ser de aquí en diante as mostras de afecto? Por exemplo, agora mesmo só che vexo os ollos e non sei se estás rindo ou non.


-Ti que cres, Sabeliña?


-Así non se pode.


-Teremos que ir aos poucos, non?


-E entón as parellas como farán?


-Por sorte ou por desgraza non podo contestar esa pregunta. Pero cando queiras facemos un experimento.


-Ti xa naciches así, non?


-Supoño que fun mellorando co tempo…


-Pois menos mal. En serio, como cres que farán?


-Como ata o de agora. En teoría seguiron convivindo todo este tempo. Non creo que cambiara moito a cousa.


-Xa, pero lembra a anécdota da amiga da miña nai, a da mercería. Se eu tiven esa sensación cando me tocaron no brazo, por que non ían tela dúas persoas que van intimar máis.


-Non cres que deberías preguntarlle todo isto a alguén que teña parella? A miña vida sexual non é moi… activa.


-Nin a túa vida sexual, nin ti, polo que vexo. Eu creo que algo ten que afectar. É como se estiveras máis apático, non?


-Ou non, sempre se pode facer un esforzo.


-Vou ter que preguntarlle a Aroa, igual xa retomou o tema con Óscar.


-Non me fales.


-Como dis? Non estarás celoso…


-Nada, cousas miñas.


-Estás moi raro hoxe.


Hoxe non, Sabela. Levo uns días pensando no tema e non aguanto máis. Somos uns covardes ao non contarche o que pasou. Pero non sei se poderás perdoarme.


-Néstor, estasme escoitando?


-Si, estaba pensando.


-En que?


-Nas parvadas que facemos ás veces.


-Podes falar no meu idioma, por favor?


-Deixa estar. Hoxe estou un pouco nostálxico.


-Daquela déixote que reflexiones. Teño que facer uns recados.


-Cando imos facer a cea?


-Teño que falar con estas, a ver se nos poñemos de acordo que parece que están máis ocupadas agora que cando traballabamos.


-Xa sabedes que eu non teño problema cos horarios.


-Xa o sei. Teño que marchar pero escoita: todo vai saír ben.


-Ti cres?


-Estou segura. Dalgún xeito sempre imos ser ti e máis eu, drama queen.


52 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


bottom of page